|
I SIMPOSIO INTERNACIONAL
"O Patrimonio Megalítico da Costa
da Morte no seu Contexto Atlántico"
As
comarcas que conforman a chamada Costa da Morte
(Bergantiños, Terra de Soneira, Fisterra,
Xallas e Muros) presentan unha gran riqueza en monumentos
megalíticos, tanto polo seu elevado número como polo
renome de non poucos deles, que nalgún caso xa mereceran
a atención de historiadores do século XIX como Manuel
Murguía.
Pola súa banda, Eduardo Pondal
transformara a calada esfinxe de Dombate
nun tótem da cultura galega aceptado por todos, e escollera
a arca antiga da Piosa como áulico
mausoleo do seu valente guerreiro Brandomil.
Polos anos trinta do século pasado, Georg
e Vera Leisner, arqueólogos alemáns, pisaran
a cativa herba húmida das gándaras da beira dereita
do río Xallas e o mato mesto dos montes de Baíñas,
da Piosa e de Treos para darlles sona internacional á Pedra
da Arca "do Orbellido", á Arca da Piosa e a Pedra
Cuberta.
Xa nos nosos tempos, polos anos setenta a irlandesa Elisabeth
Shee converteu a Cousa de Dombate
nun enigma (prehistórico) a resolver; polos oitenta, coas
escavacións da Mina da Parxubeira (1977-1984) e Dombate
(1987-1989), arqueólogos novos galegos contribuíran
a situar no mapa do megalitismo europeo o noso senlleiro patrimonio
das 'grandes pedras'.
Deste xeito, no "Coloquio Internacional
O Neolítico Atlántico e as orixes do Megalitismo"
(Santiago de Compostela, 1996), que xuntou os mellores especialistas
europeos, foi obrigada unha visita ás antas das Terras de
Soneira e Xallas.
Pasaron dez anos desde este Coloquio e cabe preguntarse se desde
aquela avanzaron ou non os estudos do Megalitismo en Galicia, e
na Costa da Morte en particular. Cabe preguntarse se os monumentos
gozan agora de maior protección e proxección. En concreto:
¿qué melloras houbo no contorno
das antas que se visitaran dez anos atrás? ¿Fixeron
algo os poderes públicos para promocionalas de cara ó
turismo cultural? ¿Arbitráronse medidas para impedir
a destrución destes e doutros xacementos tumulares?
Non podemos esquecer -nin perdoar- que o mítico dolmen
de Dombate leve nada menos que 15 anos oculto por unha burda
lona sen que ós poderes públicos parecera importarlles.
Se ós responsables do noso Patrimonio arqueolóxico
non lles preocupou privar durante estes tres lustros a varias xeracións
de rapaces e rapazas galegos/as -e a incontables visitantes de toda
Europa- da contemplación da máis famosa das nosas
antas, ¿que trato podemos esperar para
con outras que non acadaron tanta sona? En fin, (des)corramos
dunha vez por todas ese estúpido veo e agardemos que os actuais
gobernos autonómico e provincial boten a andar o chamado
Plan Director de Dombate, que promete
ser un referente a nivel europeo.
Así e todo, agardamos este ambicioso Plan
Director non dea a esquecemento os outros monumentos que
forman parte da mesma familia megalítica de Dombate: o
Megalitismo da Costa da Morte non se resume nun único monumento.
No ano 2001, a anterior Consellaría
de Cultura da Xunta de Galicia anunciara para o 2005 un Parque
Arqueolóxico do Megalitismo na Terra de Soneira-Costa
da Morte, co seu Centro de Interpretación
propio. Parecía que por fin se ía poñer en
valor o rico patrimonio monumental deste extenso territorio fisterrán,
o que traería consigo o seu aproveitamento: un bo revulsivo
para unha zona tan deprimida economicamente que segue a loitar contra
a emigración da mocidade. Pero no 2005 a propia Consellaría
anunciou a súa demora para o 2012, o que motivou o noso Manifesto
contra a nova demora do Parque do Megalitismo
de hai agora un ano..
Desexamos que este Simposio Internacional
sirva para poñer en valor o rico patrimonio megalítico
da Costa da Morte e que se saquen ideas para o seu aproveitamento.
Revalorizar Dombate, pero tamén as Pedras
da Arca de Cerqueda ou Regoelle (tamén coñecidas
como Casas dos Mouros); as Pedras
Mouras de Aldemunde, de Pedra Vixía ou de Carnio;
a Arca da Piosa, Pedra
Cuberta, a Mina da Parxubeira
ou as máis modestas Casota de Berdoias e A Fornela do Aplazaduiro.
E revalorizar tamén o conxunto desas 304 mámoas que
un equipo multidisciplinario da Universidade de Santiago de Compostela
catalogou entre o 2001 e o 2004 nos 14 concellos costeiros da zona.
Unha cifra ben apreciable para ter en conta.
|